O PSOE urxe medidas para evitar os problemas de tráfico en Leborei
Por Redacción
O grupo municipal do PSdeG-PSOE levará ao próximo pleno da Corporación de Pontevedra a situación que se está a vivir na zona de Leborei, na parroquia de Cerponzóns, con continuos atascos e problemas circulatorios porque a estrada local "estase a usar como se fose unha circunvalación" e "isto produce molestias aos veciños e condutores.
O voceiro municipal do PSOE, Tino Fernández, presentou unha solicitude para que se adopten medidas para mellorar o tráfico e evitar que se pase a facer as funcións da variante de Alba que non remata de construirse.
Os socialistas denuncian que se trata dunha vía que non ten as dimensións nin está preparada para soportar a densidade de tráfico que ten.
Os problemas son diarios, con vehículos que se cruzan e quedan atascados, veciños que se atopan atrapados en atascos como se fora o centro da cidade, pequenos golpes entre os automóbiles, enfrontamentos e cabreos mentres "o Concello non fai nada por evitar" a situación.
Segundo o PSOE, a situación está a supoñer un risco para veciños, peóns e condutores. Ademais, aseguran que os veciños lles trasladaron que están fartos dunha situacion que empeora co paso do tempo e que non está a ter resposta por parte do Concello.
A estrada que atravesa Leborei comunica a estrada N-550 coa C-531 (estrada a Vilagarcía) e non é a primeira vez cunha ambulancia queda atrapada nunha destas situacións.