A procesión de San Roque obriga a cortes e desvíos de tráfico o xoves
Por Redacción
A procesión de San Roque que se celebrará este xoves 16 de agosto provocará, como é habitual, unha serie de cortes e desvíos de tráfico para garantir que todo transcurra con seguridade e sen incidencias. Para facelo posible, a Policía Local de Pontevedra deseñou un dispositivo especial de tráfico.
A procesión sairá ás 21.00 horas da avenida de Santa María e percorrerá as rúas Mestre Mateo, Ferreiros, Alfonso XIII e Paseo de Colón ata rematar en San Roque, pero as restricións empezarán antes, a partir das 20.30 horas. Entre ese momento e o remate da procesión, a Policía Local procederá ao corte de tráfico da avenida Santa María e das rúas Mestre Mateo, Ferreiros, Alfonso XIII, Paseo de Colón e San Roque.
Ademais, contarán coa colaboración da Policía Local de Poio para pechar ao tráfico a ponte da Barca e proceder ao desvío da circulación en dirección á avenida Domingo Fontán. Co fin de non entorpecer o tráfico rodado, os cortes faranse paulatinamente, a medida que avance a procesión, e a circulación volverá a reabrirse ao seu paso.
Ademais, no caso da rúa San Roque, o corte de tráfico será anterior, a partir das 19.00 horas, para permitir a tirada das 'Madamitas'. A circulación procedente de Paseo de Colón desviarase pola rúa Monteleón.
ESPECTÁCULO PIROTÉCNICO DE SAN ROQUE
Por outra parte, a Policía Local de Pontevedra deseñou outro operativo especial de seguridade durante o espectáculo pirotécnico programado no peirao de Corvaceiras este mércores 15 de agosto co motivo das festas de San Roque.
A partir das 23.30 horas, a Policía Local procederá ao corte do tráfico rodado nas inmediacións do peirao de Corvaceiras. O tráfico procedente de Marín será desviado pola rúa Manuel de Palacio; o de Paseo Colón, pola rúa Monteleón cara a Uruguai; o de Uruguai, pola rúa Xofre de Tenorio; e o da rúa dos Peiraos, por Ponte Novo e Palamios.
O tráfico de saída cara a Marin recoméndase efectualo por Xosé Malvar. Os vehículos que circulen pola avenida Uruguai cara á avenida de Marin serán desviados (cambiando a súa dirección), na rotonda de Uruguai.
Ademais, a Policía Local establecerá un perímetro de seguridade para as persoas nas inmediacións do punto da tirada e fai un chamamento á poboación que acuda a ver os fogos para que respecten o límite dos valados de seguridade.