Un menor de 7 anos resulta ferido nun accidente na Autovía do Salnés
Por Redacción
Un menor resultaba ferido, na tarde deste luns, tras sufrir un accidente de tráfico na Autovía do Salnés no quilómetro 4.3, na vía de saída cara á rotonda de Vilariño, no municipio de Cambados.
O neno de 7 anos sufriu feridas de carácter leve e foi trasladado ao Hospital do Salnés por unha ambulancia do 061, segundo informan desde o servizo de Emerxencias. Ata a zona desprazouse unha unidade de Atestados e axentes da Garda Civil de Tráfico.
Horas antes, tamén se producía unha aparatosa saída de vía na EP-9005, na estrada de Corbillón a Tremoedo, en Cambados. Segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias, o accidente saldouse sen feridos.