Pontevedreses no accidente do Marisquiño: "Eu pensei que ía morrer xente, era unha tolemia"
Por Natalia Puga
O accidente producido de madrugada durante a celebración do festival O Marisquiño de Vigo sorprendeu no concerto a unhas 4.500 persoas, entre elas un bo número de pontevedreses que, horas despois, rememoran os duros momentos vividos e as escenas de pánico que se sucederon durante os minutos posteriores. "Eu pensei que ía a morrer xente, era unha tolemia", asegura Beatriz Ciscar, veciña da cidade do Lérez, mentres que Paula Brun, do Morrazo, asegura que haberá un antes e un despois desta madrugada e "a un concerto preto do mar, nunca máis".
Bea Ciscar asegura que todo o vivido foi "horrible". No seu caso, non chegou a caer ao mar cando afundiu a plataforma, pero si estaba xusto á beira da zona afundida. Estaba a ver o concerto e "de súpeto, notamos algo no chan e xa se esborrallou todo" e mesmo perdeu de vista a un amigo que tiña xusto á beira e que caeu xunto coa estrutura.
Os momentos posteriores foron de caos, "toda a xente unha encima doutra" e todos tardaron en reaccionar, pois quedaron bloqueados. Finalmente, xerouse unha onda de solidariedade na que ninguén se parou a pensar que estaba nunha perigosa que mesmo podía seguir afundíndose e empezaron a rescatar aos que estaban atrapados ou na auga.
Os espectadores acabaron uns encima doutros, entre táboas do paseo de madeira e caéronlles encima elementos do mobiliario público, de modo que empezaron a subir xente á zona segura e a retirar contedores e outras pezas. Pouco despois, en cuestión de minutos, empezaron a chegar policías, bombeiros, ambulancias e un amplo operativo de emerxencia que aseguran que funcionou moi coordinado e rápido.
A pesar da rápida intervención, as escenas foron dantescas. "Había tantos tantos tantos feridos... todo o mundo gritando, correndo, sangrando...", rememora Beatriz, que en canto logrou localizar ao amig ao que perdera de vista deixou paso á actuación dos servizos de emerxencia e sanitarios e foise a unha zona máis apartada, pero "moi asustada" e non deixou de ver situacións dramáticas ata que, xa moi tarde, regresou a Pontevedra. Tardou horas en conciliar o soño.
Na que se converteu como zona cero do accidente tamén estaba Paula Brun, veciña da comarca do Morrazo que pasou auténtico pánico. Ela estaba xusto no punto en que termina o paseo de madeira e empeza o soño de pedra e lembra que "de súpeto, sentín como unha onda". Non pensou que o chan cedese, senón que "era unha avalancha de xente", de modo que ao principio non entendían nada.
Unha amiga desta moza de 16 anos estaba xusto no punto que cedeu e "tivemos que collela no aire practicamente e levantala para collela", pero finalmente todo quedou nun susto, no que, iso si, sabe que nunca esquecerá aquel momento no que "sentía como se movía todo o chan, pero a sensación era coma se fose unha onda por baixo, non foi como a sensación de que rompese".
O desaloxo foi, ao seu xuízo, rápido e coordinado unha vez que o cantante empezou a dicir que se movesen, a xente empezou a moverse e en cuestión de minutos tan só quedaban na zona os feridos e atrapados.