E a choiva deu tregua á patroa da provincia
Por Redacción
A intensa xornada de cada segundo domingo de agosto, leva o nome da patroa da provincia, a Virxe Peregrina. Tras a misa pontifical coa correspondente ofrenda institucional celebrada a mediodia, o seguinte acto relixioso que congrega por centos de fieis na cidade é a procesión vespertina. O ceo plomizo e chuvioso que acompañou a xornada dominical fixo unha pausa durante a celebración.
Desde o santuario saía a comiitiva que percorreu varias rúas do urbano para terminar de novo na praza da Peregrina onde os asistentes seguiron outra das tradicións recuperadas para o evento, a danza gremial das cintas que correu a cargo da Agrupación Duos Pontes. A carroza procesional, acompañada dos nenos e adultos confrades, paseou á patroa, vestida con manto azul ceo e vestido branco - indumentaria restaurada fai un par de anos -.
Corpos militares precederon o paso da talla da Peregrina, custodiado nesta ocasión polo Corpo de Bombeiros da localidade portuguesa de Barcelos; ademais de autoridades militares e civís acompañando a comitiva. Entre eles a presidenta do Congreso, Ana Pastor, ou o presidente da Fundación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Celestino Lores que fora na xornada previa do sábado o encargado de dar lectura á invocación á patroa. Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Económico e Social da Universidade de Vigo, foi o encargado de portar o pendón da Confraría.