Máis de 300 persoas atendidas, 9 ingresadas, balance do accidente no Marisquiño en Vigo ao derrubarse unha pasarela
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Máis de 300 persoas atendidas, nove delas ingresadas e unha en Urxencias é o balance que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, realizaba esta mañá en declaracións á Cadena SER. Dúas das persoas ingresadas son menores de idade. Na maioría dos casos sufren fracturas pero non hai risco vital. É a consecuencia do accidente que se producía durante a pasada medianoite no porto deportivo de Vigo durante un concerto organizado con motivo do peche do festival O Marisquiño.
Por causas aínda por determinar, unha zona do paseo de madeira das Avenidas derrubábase provocando a caída de numerosas persoas que asistían ao concerto. Mentres unhas caían sobre a base de formigón que se atopa baixo a plataforma de madeira, outros terminaban na auga nesa zona portuaria.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantívose durante toda a noite pendente do operativo de evacuación e os profesionais dos hospitais de Pontevedra ofrecéronse para atender os feridos. As cinco persoas que presentan prognóstico grave finalmente ingresaron no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. 11 pacientes foron atendidos de madrugada no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Todos eles foron dados de alta nas seguintes horas, segundo informan desde o gabinete de prensa do Complexo Hospitalario.
Segundo os últimos datos ofrecidos polo servizo de Emerxencias 112, un total de 316 persoas foron atendidas nos distintos dispositivos asistencias, dos que 255 foron revisados en centros hospitalarios. Do total de atendidos, permanecen ingresados, neste momento, nove, 5 no Hospital Álvaro Cunqueiro (2 deles na UCI) e 4 en Povisa. 144 pacientes foron atendidos no Hospital Álvaro Cunqueiro, 33 no PAC de Vigo, 4 no PAC de Redondela, 69 en Povisa, 23 en Fátima, 11 no Hospital Montecelo, 5 en El Castro, 1 en Concheiro, 2 no Hospital Quirón Domínguez e 24 no punto de atención do 061.
Os recursos mobilizados para atender os feridos foron 5 UVI, 12 ambulancias de soporte vital básico, 24 ambulancias de apoio, 3 da Cruz Vermella, 2 equipos sanitarios do PAC, 3 vehículos de apoio loxístico e 1 vehículo de Protección Civil. No lugar do accidente, o 061 instalou un posto de mando médico, un punto de triaxe inicial e un posto de carga de ambulancias.
Os servizos de Emerxencias descartan que se produciron vítimas mortais, despois de que se realizasen dúas exploracións con cámaras térmicas na zona afectada.
Esta pasarela atopábase deteriorada polo paso do tempo e o goberno local de Vigo e a Autoridade Portuaria mantiñan unha disputa sobre quen debía facerse cargo das obras de mellora.
Pola súa parte, a organización do Festival O Marisquiño emitiu un comunicado en que lamenta profundamente o accidente e quere solidarizarse con todos os feridos e os seus familiares, que "agora mesmo son a prioridade absoluta para todos".
O Marisquiño quere destacar o civismo demostrado polo público que abandonou de forma ordenada o recinto e permitiu o traballo dos equipos de rescate e seguridade, que realizaron un gran labor.
Agora mesmo, o recinto atópase baixo precinto xudicial, á espera dos informes dos peritos para delimitar as causas técnicas do derrubamento da pasarela afectada. Desde a organización sinalan que os concertos cumprían as condicións de seguridade requeridas pola lexislación.