Denuncian o abandono da zona da Peralba na parroquia de Marcón
Por Redacción
Eulogio Sartier, presidente da Plataforma O Rural Existe, alerta sobre a situación de abandono que padece a zona da Peralba, na parroquia pontevedresa de Marcón.
Segundo indica, este lugar sofre problemas derivados da ausencia de rede de sumidoiros e da falta de limpeza da maleza que invade espazos públicos. Ademais sinalan que a estrada se atopa en mal estado, o estanque de recollida de auga para helicópteros permanece inhabilitado e a ponte que comunica o poboado coa estrada xeral de Ponte Caldelas está en malas condicións.
Desde esta plataforma reclaman tamén a limpeza dos montes da contorna debido ao risco de incendios durante os meses de verán. O presidente deste colectivo sinala tamén que, desde o goberno local, faise caso omiso ás reclamacións e denuncias veciñais.