Ofrenda de Digna Rivas á Virxe Peregrina coa presenza de Ana Pastor
Por Redacción & Diego Torrado
A deputada provincial socialista Digna Rivas foi a encargada, por segundo ano consecutivo, de realizar a ofrenda tradicional á Virxe Peregrina durante este domingo no santuario pontevedrés.
Ao acto asistiron autoridades militares e tamén a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, ademais doutros representantes do Partido Popular como a parlamentaria Pilar Rojo e o presidente local do Partido Popular, Rafa Domínguez.
O acto litúrxico estivo oficiado polo arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio. Na ofrenda fíxose unha petición para eliminar as inxustizas sociais creando un mundo ético, responsable e sostible, no que "os seres humanos recuperamos os espazos públicos, conservemos, coidemos, mimemos e preservemos o planeta con esmero".
Ademais, Digna Rivas pediu á patroa provincial que os valores dos seres humanos sirvan para seguir construíndo unha sociedade mellor, "onde a preservación da nosa riqueza natural e a recuperación dos espazos para a socialización das pontevedresas e pontevedreses sexan un camiño a percorrer xuntas e xuntos".