Aprehenden 25 quilos de cocaína ocultos na estrutura da porta dun contedor no Porto de Marín
Por Redacción
A Axencia Tributaria, Policía Nacional e Garda Civil, no marco dunha actuación conxunta, aprehenderon 25 quilos de cocaína, que se atopaban ocultos nun contedor que chegara ao Porto de Marín nas últimas horas.
Días antes, as unidades recibiran información que indicaba a posible existencia de contaminación por cocaína na estrutura dun contedor que tiña prevista a súa chegada ao porto de Marín, con orixe en Colombia.
Este venres 10 de agosto, axentes de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, Policía Nacional e Garda Civil trasladábanse á terminal de contedores do Porto de Marín para levar a cabo as investigacións necesarias. Para desenvolver o traballo contaron coa axuda da unidade canina da Garda Civil.
Finalmente, a droga atopouse na estrutura do contedor, no interior dos marcos das portas dianteiras. Os 25 quilos de cocaína repartíanse en 36 pastillas de cocaína de medio quilo cada unha, aproximadamente, segundo informa a Delegada Especial da AEAT de Galicia.