Maica Larriba, subdelegada do Goberno: "Vilagarcía é unha cidade segura"
Por Redacción
A subdelegada do Goberno, Maica Larriba, acompañada polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela; a xefa da Policía Local, María del Carmen Roca e o concelleiro de Seguridade, Juan Pérez Callón, realizaban este venres unha visita ás dependencias da Comisaría do Corpo Nacional de Policía.
O inspector xefe Juan José Díaz e outros responsables policiais mantiveron un encontro coa nova subdelegada e sinalaron que se rebaixaron as infraccións penais ao longo do mes de xullo en máis dun 16% con respecto a 2017.
Os delitos esclarecidos pasaron de 14 a 27 no primeiros sete meses do ano respecto ao anterior. A subdelegada avaliou positivamente o número de persoas detidas tamén neste período de tempo, que foi de 30 fronte ás 9 arrestadas en 2017.
Maica Larriba tamén destacou o notable descenso de infraccións contra a liberdade sexual das persoas, que se reduciu en máis dun 66% respecto ao ano pasado. Baseándose nestes datos, a subdelegada sinalou que Vilagarcía é unha cidade segura.
Tras a visita, a representante do Goberno percorreu a Praza de Galicia, recentemente reformada polo Concello de Vilagarcía.