Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres, pero coa obriga de ir ao xulgado cada 15 días
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo deixou en liberdade o histórico narcotraficante arousán Manuel Charlín Gama e o maior dos seus seis fillos, Melchor Charlín Pomares, detidos esta semana na súa mansión de Vilanova de Arousa como presuntos integrantes nun grupo organizado que pretendía introducir nas costas galegas un alixo de 2.500 quilos de cocaína.
Pai e fillo terían un papel secundario na organización desarticulada, considerada pola Policía Nacional una das máis importantes redes criminais dedicadas ao tráfico de drogas a través das costas galegas, de modo que non se decretou o seu ingreso en prisión, pero o xuíz si lles mantén en calidade de investigados e impúxolles a obriga de comparecer no xogado cada 15 días.
Ambos están investigados por un delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia e no seo dunha organización criminal e saíron a pé do xulgado á primeira hora deste venres. Tras pasar preto de 48 horas detidos, sobre as 9.00 horas deste venres foron trasladados a Vigo nun furgón policial e esperaron ata última hora para comparecer ante o xuíz Juan Carlos Carballal. Os dous acolléronse ao seu dereito legal a declarar tan só ás preguntas do seu avogado defensor e finalmente saíron a pé do edificio, aínda que aos poucos metros entraron ambos nun mesmo coche.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron este venres que neste macro operativo desenvolvido desde o martes en alta mar e en varias provincias españolas foron detidas finalmente 28 persoas. O último foi un home arrestado o xoves tras aterrar no aeroporto de Vigo.
Do total de detidos, o xuíz citou este venres a 17 persoas. Outras sete xa quedaran libres tras ser detidas e prestar declaración en sede policial e as catro restantes son os catro tripulantes da embarcación 'Titán Terceiro' abordada o martes en alta mar á altura do arquipélago portugués de Azores cun alixo que finalmente podería ascender a 2.500 quilos de cocaína –a cantidade final saberase cando chegue a porto en Canarias nos próximos días-. Os catro, dous españois e dous senegaleses, compareceron ante o xuíz nunha conexión vía satélite e foi decretado o seu ingreso en prisión.
O xuíz decretou, en total, o ingreso en prisión de 12 persoas, os catro tripulantes e outros oito que compareceron este venres no xulgado de Vigo. Trátase de Paul W., Víctor M. P.S., Daniel O. T., S.P.V., L. M. R. P., M.D.O., R.D.M. e Jacinto Santos Viñas.
Entre os detidos que quedaron en liberdade figura José Andrés Bóveda Ozores, alcumado 'Charly' ou 'Sandokán'. No seu caso, tras o seu arresto e traslado á Comisaría de Pontevedra, tivo que ser evacuado en ambulancia ao hospital e de alí enviado a casa, pero en condición de investigado.
O macro operativo anti droga permitiu deter a capos da droga que a Policía Nacional considera que veñen protagonizando a historia do narcotráfico dos últimos 40 anos e desarticular unha das máis importantes organizacións criminais dedicadas ao tráfico de drogas a través das costas galegas. Ademais, logrouse atacar ás distintas ramas do grupo criminal, desde os organizadores aos transportistas por mar e os receptores da droga en terra.
Relacionadas:
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres de toda sospeita polo alixo do Titán Terceiro
Por Redacción |
-
Manuel Charlín ataca un equipo de televisión en Vilanova: "Te jodo el pescuezo"
Por Natalia Puga |
-
Elevan a 26 os detidos na rede de narcos na que caeron Charlín e o seu fillo Melchor
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Detidos Manuel Charlín e o seu fillo Melchor nun macro operativo antidroga
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Asaltan a Manuel Charlín e un dos seus fillos na súa casa de Vilanova
Por Natalia Puga | Creada e actualizada