Remata a campaña de limpeza de broza nos camiños e espazos públicos de Ponte Caldelas
Por Redacción
A campaña anual de limpeza e corta da broza posta en marcha polo Concello de Ponte Caldelas nos camiños e espazos públicos municipais remata estes días en Chaín, despois de pasar polos 33 núcleos rurais de poboación durante catro meses.
O Concello xa puxo en marcha unha campaña destas características nos tres últimos anos, desde a chegada do actual equipo de goberno, e este é o primeiro no que logran rematar os traballos no mes de agosto. Así, dos 7 e 6 meses respectivamente que levou os dous primeiros anos conseguiuse baixar aos 4 meses (entre mediados de abril e mediados de agosto).
Desde o goberno local lembran que este ano houbo un efecto combinado de calor e choiva que propiciou un maior crecemento da vexetación, pero finalmente deuse por rematada a campaña.
A campaña municipal parou tamén nas 14 hectáreas da area arqueolóxica de Tourón, na que hai na actualidade un campo de herba e cunha plantación de árbores autóctonas.
Os operarios acondicionaron tamén a rede municipal de sendeiros interconectados, con especial atención ao roteiro do Sendeiro Azul, os adros das igrexas e as contornas de espazos públicos como o pavillón municipal. Ademais, o polígono da Reigosa recibiu unha 'pasada' en abril e terá outra nos próximos días.
A campaña realízase con medios exclusivamente manuais ou mecánicos, incluíndo o soprado dos restos vexetais. O Concello, de acordo cunha resolución plenaria neste senso, non utiliza ningún tipo de herbicida ou produto químico.