Comezan as obras para que o novo campo de fútbol de Ponte Sampaio estea listo en febreiro de 2019
Por Anxo Lourido
Unha máquina rozadora comezaba este venres para limpar a parcela que ocupará o novo campo de fútbol da parroquia de Ponte Sampaio. Técnicos da empresa adxudicataria da obra e o portavoz municipal Raimundo González achegábanse ata os terreos para observar o inicio dos traballos.
Este campo de fútbol contará con dimensións homologables, que permitirán compartir a práctica de fútbol 11 con fútbol 8, coa posibilidade de que se disputen dous partidos simultáneos. A nova instalación deportiva contará con vestiarios para os equipos e para os árbitros na parte interior mentres que cara á estrada que procede da praia fluvial crearase unha bancada, baños públicos, cantina e espazos para gardar material.
Esta nova infraestrutura conta cun prazo de execución de seis meses e foi adxudicada por un orzamento, sen melloras, de 1.160.000 euros. A súa construción levará a derriba do antigo campo, cuxo espazo será aproveitado, segundo explicaba Raimundo González, para ampliar a praia fluvial na desembocadura do río Verdugo e para crear un espazo de lecer nesa zona. Estas melloras non se acometerán ata que estea finalizado o novo campo para permitir que os equipos e a escola deportiva desta parroquia continúen desenvolvendo a súa actividade durante esta tempada.
Raimundo González indicou que as obras non causarán molestias ao desenvolvemento do curso escolar no Colexio de Ponte Sampaio, situado xusto enfronte da nova instalación deportiva, ao entender que as escavacións e os traballos máis ruidosos levarán a cabo durante este mes de agosto. Afirmou que, en todo caso, o goberno local manterase alerta para evitar a coincidencia de maquinaria pesada ou de camións durante os horarios de entrada e saída do centro escolar.
O portavoz municipal apuntou tamén a que se espera que o novo campo estea en funcionamento en febreiro de 2019 sempre que as condicións meteorolóxicas non provoquen atrasos durante o desenvolvemento das obras.
Relacionadas:
-
Ediserpo renuncia a tres obras, entre elas o campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
Ediserpo ten de prazo dúas semanas para retomar as obras do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
Os socialistas denuncian a presenza de malos olores, fochancas e maleza en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Preocupación pola tardanza no inicio das obras de construción do campo de fútbol de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O Concello confía en que Campañó e Ponte Sampaio teñan campo de fútbol novo a finais de ano
Por Alejandro Espiño |