Ingresa en prisión un veciño do Salnés por abusar sexualmente da súa neta con discapacidade psíquica
Por Redacción
O Xulgado de Garda de Cambados decretou o ingreso preventivo en prisión dun veciño da comarca do Salnés do que non transcenderon datos específicos da súa identidade por abusar sexualmente da súa neta con discapacidade psíquica.
O home, de 72 anos e que xa ingresou no centro penal da Lama, foi sorprendido en varias ocasións pola súa contorna familiar abusando sexualmente da súa neta. A nova é maior de idade, pero ten un elevado grao de discapacidade psíquica
O septuaxenario foi detido pola Garda Civil como resultado das investigacións realizadas polo Equipo Muller Menor (EMUME) da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia de Pontevedra.
As pescudas concluíron coa detención deste veciño por senllos delitos de abusos sexuais e tenencia ilícita de armas, porque cando se procedía a retirarlle preventivamente as armas de caza que tiña legalizadas ao seu nome, atopóuselle un revólver indocumentado que tamén gardaba no domicilio.