Os estudantes de Sanxenxo disfrutarán de dez programas educativos
Por Redacción
Ofrecer a oportunidade aos estudantes do municipio de completar a súa formación académica coa participación en actividades de diversa índole, contribuíndo desta forma ao seu desenvolvemento persoal é a finalidade principal do programa educativo que o Concello de Sanxenxo oferta para o presente curso escolar.
A iniciativa inclúe propostas tanto no ámbito deportivo como no cultural e social, entre outros.
Responsables das distintas concellalías implicadas nesta iniciativa presentaron aos representantes dos centros educativos e Anpas existentes no municipio -que conforman o Grupo de Calidade Educativa-, os plans organizados, que están destinados principalmente ao alumnado, aínda que contempla tamén accións dirixidas aos colexios e institutos e os pais.
Dende o Goberno local mantemos firme a nosa aposta por preservar a calidade deste ambicioso programa educativo que levamos a cabo un ano máis grazas a dedicación de diversas áreas municipais que, coa súa achega, enriquecen de xeito fundamental o proceso de aprendizaxe dos estudantes deste concello, sinalou a edila de Cultura e Educación, Paz Lago.
Son ata 13 modalidades incluídas nas escolas deportivas que, xunto coa escola de música, o centro de arte e a ludoteca itinerante, conforman as exitosas Escolas Municipais.
Pola súa banda, Seguridade Cidadá ocuparase do plan de autoprotección destinado aos centros educativos e do programa escolar de educación vial; mentres que Medio Ambiente desenvolverá diferentes talleres dedicados á concienciación dos escolares sobre a necesidade de preservar a contorna natural e que estarán centrados na importancia da reciclaxe, do aforro de recursos hídricos, do coidado dos humedais e dos mamíferos mariños, entre outros.
O programa de prevención A saúde na escola, que abarca actividades dirixidas tanto aos escolares como ás súas familias; o programa municipal de voluntariado e o de educación en igualdade, que estará composto por talleres de igualdade e de educación afectivo-sexual, ademais da celebración do Día Contra a Violencia de Xénero, serán postos en marcha desde a Concellalía de Benestar Social.
O plan de animación á lectura, o programa de mellora dos hábitos de estudo e rendemento académico e o de educación de adultos completan a ampla oferta do Concello de Sanxenxo para este curso.