Elevan a 26 os detidos na rede de narcos na que caeron Charlín e o seu fillo Melchor
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O macro operativo policial que nos dous últimos días permitiu desarticular unha organización de narcotraficantes que pretendía introducir nas costas galegas unha partida de 2.500 quilos de cocaína deixou xa un balance de 26 persoas detidas, entre elas, o histórico narcotraficante arousán Manuel Charlín Gama e o seu fillo Melchor Charlín Pomares.
Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que 19 persoas foron detidas en terra de forma simultánea este mércores, catro o martes en alta mar a bordo do remolcador que levaba a droga e foi interceptado á altura do arquipélago de Azores e outros tres nunha segunda embarcación, un pesqueiro que ía ao encontro do remolcador.
O segundo barco foi interceptado en colaboración co Servizo de Vixilancia Aduaneira cando navegaba cara a alta mar para, presuntamente, recibir o cargamento de droga e trasladalo ata un porto da provincia da Coruña. Na embarcación, das habituais que traballan legalmente en augas fronteirizas entre España e Portugal, ían tres mariñeiros que foron detidos ao estar en plena conivencia coa organización que lles encomendaba o traballo.
Os catro tripulantes da embarcación, dúas de orixe española e dous naturais de Senegal, xa pasaron a disposición xudicial antes da chegada do alixo coa droga a terra. A dilixencia fíxose por teléfono satélite co patrulleiro que o abordou e, tras tomarlle declaración, o titular do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo que instrúe a operación acordou o seu ingreso en prisión.
Os outros 22 detidos pasarán a disposición xudicial este venres 10 de agosto en Vigo. 19 deles pasaron a noite nos colabozos da Policía Nacional de Pontevedra e Vigo. A todos atribúeselles os delitos de tráfico de droga en cantidade de notoria importania e labor no seo dunha organización criminal.
A Policía Nacional, que reduce o número oficial de detidos a 24, fixo balance este xoves da operación e valorou que permitiu deter a narcotraficantes que veñen protagonizando a historia do narcotráfico dos últimos 40 anos e permitiu desarticular unha das máis importantes organizacións criminais dedicadas ao tráfico de drogas a través das costas galegas.
A operación permitiu atacar ás distintas ramas do grupo criminal, desde os organizadores aos transportistas por mar e os alixadores da droga en terra.
A investigación comezou hai un ano, cando os axentes detectaron a existencia dunha organización criminal dedicada á importación de cocaína a través das costas galegas e que tiña a particularidade de que utilizaba pesqueiros dos que habitualmente realizan o seu legal traballo nas augas fronteirizas entre España e Portugal para coller a droga en alta mar e, a modo de lanzadeira, achegala ata as costas galegas.
Ademais do patriarca do clan dos Charlínes -que leva en liberdade desde o ano 2010 tras dúas décadas en prisión- e o seu fillo Melchor, ambos con antecedentes policiais por tráfico de drogas, entre os detidos figuran outros coñecidos narcotraficantes galegos como Jacinto Santos Viñas e o empresario naval Jose Andrés Bóveda Ozores, coñecido como Charly e arrestado despois dun rexistro nun estaleiro en Cambados.
Este mércores desenvolveuse o groso do operativo cun amplo operativo policial que permitiu realizar un un total de 23 rexistros en diversas localidades galegas –Ribeira, Boiro, Cambados, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa-, e tamén noutros puntos do territorio nacional como Huelva, Marbella (Málaga) e Yuncos (Toledo).
Relacionadas:
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres de toda sospeita polo alixo do Titán Terceiro
Por Redacción |
-
Manuel Charlín ataca un equipo de televisión en Vilanova: "Te jodo el pescuezo"
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres, pero coa obriga de ir ao xulgado cada 15 días
Por Natalia Puga |
-
Detidos Manuel Charlín e o seu fillo Melchor nun macro operativo antidroga
Por Natalia Puga | Creada e actualizada