En Parada de Tenorio levan un mes sen liña telefónica
Por Redacción
En Parada de Tenorio, a veciñanza leva máis dun mes sen que funcione a liña telefónica. En xullo, o tema debateuse en pleno a través dunha moción do grupo municipal socialista de Cerdedo-Cotobade que trasladaba as queixas veciñais cando levaban dúas semanas sen a conexión telefónica.
A avaría orixinouse despois de que os operarios que acometían o asfaltado dunha das pistas do lugar cortasen as liñas eléctricas de maneira accidental. Durante o pleno, o portavoz do grupo de goberno Fernando Corbacho indicaba que nuns días resolveríase a incidencia.
Con todo, segundo denuncia o PSOE deste municipio a través da súa portavoz Lina Garrido, a situación continúa ante a desesperación veciñal. Os habitantes atópanse sen comunicación e sen solución por parte do Concello a curto prazo.
Por outra banda, os socialistas felicítanse de que este mércores se iniciara o arranxo da liña eléctrica de Traslasmos, unha moción deste grupo que foi aprobada por unanimidade no pleno. A veciñanza deste lugar leva máis de seis meses sen iluminación pública.