En Pontevedra 'cántase' para dar a benvida ás festas da Peregrina
Por Diego Espiño
"Aquí cántase", así reza o lema da iniciativa Supercantos, que por segundo ano dará a benvida ás festas cunha xornada de cantos populares en prazas da cidade.
O venres 10 de agosto é a data elixida para unha xornada que "xa se converteu nunha tradición e iso que é só a súa segunda edición", explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva.
"Non fai falta saber cantar, nin sequera saber as letras porque as reparten", animou a edil pontevedresa sinalando que a iniacitiva pretende que a xente "sexa protagonista activa das festas".
A Asociación Cultural Maravallada leva varios meses ensaiando ata 20 temas tradicionais, "cancións que apostaría que o 90% da xente cantou algunha vez na súa vida", asegura Luís Torres.
Os Supercantos comezarán ás 21:00 horas na Praza da Ferrería para seguir por Curros Enríquez (21:45 horas), o Teatro Principal (22:30) e a Praza da Leña (23:15), co acompañamento da formación musical Treboada do Baixo Miño.
A organización repartirá un milleiro de exemplares coas letras das cancións, cos que se participará ademais nun sorteo para gañar un cea nun restaurante da cidade.