Detidos Manuel Charlín e o seu fillo Melchor nun macro operativo antidroga
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O histórico narcotraficante arousano Manuel Charlín Gama e o seu fillo Melchor Charlín Pomares foron detidos este mércores no marco dun macro operativo da Policía Nacional que se está desenvolvendo en distintos puntos da comarca de Arousa e de Galicia.
Á primeira hora da mañá deste mércores comezou un rexistro na vivenda da familia Charlín no lugar de Cálago, en Vilanova de Arousa, que implicou un amplo despregamento de medios policiais e a media mañá fontes policiais coñecedoras da investigación confirmaron a detención.
Ademais do patriarca do clan dos Charlíns -que leva en liberdade desde o ano 2010 tras dúas décadas en prisión- e o seu fillo Melchor, ambos con antecedentes policiais por tráfico de drogas, foron detidas de forma simultánea varias persoas en distintos puntos da comunidade galega. Houbo detencións e rexistros en Cambados, Vilanova e Vilagarcía de Arousa, Ribadumia, Boiro ou Ribeira, así como en localidades das provincias de Huelva ou Málaga.
Entre os detidos figuran outros coñecidos narcotraficantes galegos como Jacinto Santos Viñas, detido en Ribadumia, e o empresario naval Jose Andrés Bóveda Ozores, coñecido como Charly e arrestado en Cambados.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, confirmou que se detención realizouse en relación cun alixo dunha cantidade "importantísima" de cocaína aprehendido este martes en alta mar, á altura da illa portuguesa de Madeira.
Fontes do tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmaron que en total, foron detidas 22 persoas, 18 delas en terra de forma simultánea este mércores e outras catro o martes en alta mar.
Os catro tripulantes da embarcación, dous de orixe española e dous procedentes de Senegal, xa pasaron a disposición xudicial antes da chegada do alixo coa droga a terra. A dilixencia fíxose por teléfono satélite co patrulleiro do O Grupo Especial de Operacións ( GEO) da Policía Nacional que o abordou e, tras tomarlle declaración, o titular do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo que instrúe a operación acordou o seu ingreso en prisión.
O barco está a ser remolcado a un porto canario, onde está previsto que chegue a próxima semana. Os outros 18 detidos permanecen en calabozos da Policía Nacional de Vigo e Pontevedra e pasarán a disposición xudicial o vindeiro venres.
O operativo está capitaneado polo Grupo de Resposta Especial para o Crime Organizado (Greco), con sede na Comisaría Provincial de Pontevedra, e implica a axentes desta mesma unidade de Málaga e Alacante e tamén aos servizos centrais da Dirección Xeral da Policía e á axentes de de a Unidade de Drogas e Crime Organizado ( Udyco). Ademais, contan coa colaboración de efectivos da Garda Civil.
A operación diríxena o Xulgado de Instrución número 4 de Vigo e a Fiscalía Antidroga de Pontevedra e está previsto que os detidos sexan trasladados ás comisarías da Policía Nacional de Pontevedra e Vigo á espera da súa posta a disposición xudicial.
Manuel e Melchor Charlín foran asaltados o pasado mes de abril nesta mesma mansión que este mércores está a rexistrar minuciosamente a Policía Nacional. Naquel momento, dous encapuchados irromperon na vivenda e pai e fillo acabaron no hospital con golpes na cabeza, contusións varias e varias fracturas.
Relacionadas:
-
Falece na súa casa aos 89 anos Manuel Charlín, patriarca do clan arousán
Por Redacción |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres de toda sospeita polo alixo do Titán Terceiro
Por Redacción |
-
O ocaso dos vellos narcos: caen Sito Miñanco, Manuel Charlín e Tania Varela
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín ataca un equipo de televisión en Vilanova: "Te jodo el pescuezo"
Por Natalia Puga |
-
Manuel Charlín e o seu fillo Melchor, libres, pero coa obriga de ir ao xulgado cada 15 días
Por Natalia Puga |
-
Elevan a 26 os detidos na rede de narcos na que caeron Charlín e o seu fillo Melchor
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Asaltan a Manuel Charlín e un dos seus fillos na súa casa de Vilanova
Por Natalia Puga | Creada e actualizada