As mulleres da Lama queren estar 'conectadas'
Por Redacción
A asociación de mulleres rurais A Picara e a asociación veciñal de Laxedo, as dúas do Concello da Lama, participarán a partir deste sábado 11 de agosto nun obradoiro de iniciación ao patchwork e noutro de pilates organizados dentro do programa 'Conectadas' da Deputación Provincial.
Segundo a información facilitada pola DeputacIón Provincial, ata medio centenar de mulleres comezarán os cursos este sábado.
A acción formativa de iniciación ao patchwork celebrarase na estrada Boralleiro número 13 da Lama. Trátase dun curso dirixido ás mulleres da Asociación de Mulleres Rurais A Picara que terá lugar os sábados de 17.00 a 20.30 horas.
No caso do obradoiro de pilates terá lugar na Casa do Pobo de Laxedo, de 10.'' a 11.30 horas, e nela participarán as mulleres da asociación de veciñas e veciños de Laxedo.
'Conectadas 2018' é o programa da Deputación de Pontevedra destinado a asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres, que apoien o seu desenvolvemento e actuación, o empoderamento das mulleres, ao igual que o seu tecido asociativo, e a paulatina consecución do obxectivo da igualdade de mulleres e homes.
Esta terceira edición conta cun orzamento de 324.000 euros e vanse desenvolver 46 accións formativas. No ano 2017 beneficiáronse do programa 'Conectadas' un total de 343 entidades pertencentes a 60 concellos da provincia, o que supuxo preto de 5.500 persoas.