Deteñen dous condutores que xeraron situacións de perigo tentando fuxir de controis de alcoholemia
Por Redacción
A Garda Civil detivo dúas persoas durante o fin de semana da Festa do Albariño por conducir de forma neglixente e temeraria cando trataban de eludir controis de alcoholemia que tiñan establecido axente de Tráfico.
Na súa fuxida puxeron en perigo a integridade física de diversos condutores e usuarios. Un deles, adiantou a outros vehículos pola beiravía e tentou sacar fóra da calzada ao vehículo oficial que o perseguía. O outro terminou co seu vehículo no interior dunha leira con viñedo ao saírse da calzada.
Por mor destes controis tamén se citou en calidade de investigados -antiga figura do imputado- a tres condutores, dous por negarse a someterse a realizar as probas e a un terceiro por conducir tendo retirado o carné por perda de puntos.
A Garda Civil deu a coñecer estas intervencións con motivo do balance dos dispositivos especiais de seguridade cidadá e seguridade viaria postos en marchar con motivo da celebración deste evento.
En materia de seguridade viaria, os efectivos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron 2.906 probas de alcol e drogas e detectaron a 184 condutores que deron positivo en alcol e 24 en drogas.
A maior parte dos condutores que arroxaron resultado positivo nas probas de alcoholemia, concretamente 148, foron denunciados por vía administrativa, mentres que aos 12 restantes instruíronselles dilixencias por superar a taxa de 0,60 mg/ l en aire expirado.
En relación coas probas de consumo de drogas, dos condutores sometidos ao test salival para comprobar a presenza no organismo de drogas, 24 resultaron positivas, é dicir o 46,15% do total, aos cales se lles formulou expediente denuncia por vía administrativa. Como vén sendo habitual, as drogas máis consumidas foron o cannabis e a cocaína, por esta orde.
No relativo ao dispositivo de seguridade cidadá, o balance facilitado este martes pola Garda Civil recolle que houbo tres persoas detidas, unha por delitos de resistencia, desobediencia e ameazas aos axentes da autoridade, outra por delito de furto de teléfonos móbiles (recuperáronse seis terminais) e a terceira porque estaba reclamada por unha autoridade xudicial.
Ademais, houbo 200 persoas denunciadas pola vía administrativa. A maioría, 131 en concreto, foron por tenencia e consumo de estupefacientes na vía pública e tamén houbo 27 por desobediencia e falta de respecto aos axentes da autoridade. Ademais, a Policía Local realizou 17 denuncias por contravenir o horario de peche e outras 7 por infrinxir a normativa sobre espectáculos públicos.
No ámbito penal instruíronse 52 dilixencias por outros tantos delitos. Delas, 36 foron por distintos delitos de furto ou extravío de documentos ou efectos, cinco por delitos de danos, cinco por lesións e dúas por roubo en interior de vehículos.
O balance das actuacións péchase coa identificación de 361 persoas como consecuencia das accións preventivas e algo máis dun centenar de distintos auxilios e axudas prestadas ás persoas que o demandaron.
O amplo dispositivo de seguridade cidadá implicou a colaboración da Garda Civil e da Policía Local e incluíu por primeira vez unha serie de medidas para que ambos os corpos de seguridade puidesen actuar en todo momento dunha forma coordinada.