Unha enfermeira denuncia unha garda obrigada de 31 horas sen descanso no PAC de Bueu
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Carta afectada
Unha enfermeira eventual do Servizo Galego de Saúde denunciou aos seus superiores e a través da carta que acompaña esta información que se viu obrigada a realizar unha garda de 31 horas de traballo ininterrompido nas que non puido "nin comer nin cear" e afrontou "un volume de traballo importante".
A agrupación sindical Prosagap difundiu esta carta e, ademais, denunciou que a situación desta traballadora eventual non é un caso illado senón un exemplo da "situación abusiva á que están sometidas no desempeño do seu labor asistencial".
Esta traballadora viviu a situación referida no Punto de Atención Continuada (PAC) de Bueu, pero desde Prosagap sosteñen que a situación se vive en toda a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, pois os traballadores "vense obrigados a realizar xornadas laborais que van máis aló do legalmente establecido, que non se contemplan nos seus contratos".
Ademais, isto prodúcese coa "gravidade engadida" de que os obrigan -cabe lembrar que as gardas habitualmente son voluntarias- baixo ordes verbais, a pesar de que eles solicitan confirmación por escrito.
A traballadora afectada denunciou estes feitos ante os organismos competentes e Prosagap levouno ante a Xerencia da área sanitaria, pois asegura que habitualmente os responsables das áreas sanitarias nin sequera son coñecedores de primeira man destas situacións de precariedade que viven os profesionais nin das supostas ameazas verbais que reciben por parte de mandos intermedios.
Segundo Prosagap, a situación afecta aos traballadores eventuais de todas as categorias profesionais, e é un dos motivos reais de "precarización laboral" que leva a moitos traballadores a abandonar Galicia.
Tras a difusión desta denuncia, fontes de Recursos Humanos da área sanitaria de Pontevedra-Salnés sinalaron que se ofreceu a esta enfermeira eventual un contrato de substitución dunha titular que tiña programado efectuar unha garda voluntaria. Ao fimar o contrato, a substituta comprometíase a efectuar esa garda para todos os efectos asistenciais. Aseguran que estivo dentro da máis rigorosa legalidade vixente.