Case 3 millóns de euros destinados a servizos sociais
Por Redacción
A Xunta de Goberno de Pontevedra aprobaba este luns o orzamento para os Servizos Sociais, en materia de persoal, axuda no fogar e diversos programas de orientación social ou aloxamento. O orzamento ascende a máis de 2.830.000 euros e o goberno local solicitará á Xunta de Galicia 1.620.000 euros.
O portavoz do goberno de Fernández Lores, Raimundo González sinalaba que a Xunta nunca achega a cantidade que lle solicita o Concello de Pontevedra, indicando que en 2017 solicitouse unha partida de 147.000 euros para axuda no fogar e só recibiron 20.229 euros. Noutros apartados, con todo, a Xunta cobre todo o importe no caso de axuda no fogar de persoas dependentes, que ascende a máis de 787.000 euros, ao tratarse dunha cantidade de pago por hora.
AXUDAS PARA AS ANPA
Tamén se aprobou a colaboración coas ANPA, con vinte axudas para actividades extraescolares por unha cifra de case 25.000 euros en total. Segundo explicaba Raimundo González, son actividades que van desde a promoción de actividades deportivas, idiomas, talleres de estudo ou actividades como anillamiento científico de aves.
As ANPA de centros de educación infantil e de primaria son as que reciben a maior parte das subvencións, ademais das asociacións de dous institutos.