O PSOE considera que a calor rexistrada dentro do Hospital Provincial é "inhumana" e pide solucións
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O grupo municipal do PSOE de Pontevedra fixo súas as queixas formuladas durante os últimos días por usuarios do Hospital Provincial que sufriron temperaturas nas habitacións superiores a 35 graos durante a vaga de calor e insistiu en que é "unha situación que roza o inhumano", de modo que o Concello de Pontevedra non pode quedar á marxe e debe liderar unha reivindicación supramunicipal para pedir á Xunta que actúe e busque solucións inmediatas.
O voceiro municipal socialista, Tino Fernández, asegura que centos de pacientes e os seus familiares e tamén os traballadores deste centro hospitalario están a padecer unhas temperaturas difíciles de soportar que fan que a estancia no centro "sexa algo infernal" sen que a Xunta de Galicia aporte ningunha solución.
Na súa opinión, a Xunta amosa un "desprezo" pola calidade asistencial que é "intolerable" e "ninguén pode quedar calado ou quieto" ante estas situacións, por iso é polo que demandan que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tome cartas no asunto.
Os socialistas consideran que Lores "ten que reaccionar e esixir a procura de solucións inmediatas para o problema" e presentaron oficialmente unha solicitude para que esixa á Xunta de Galicia a adopción de medidas urxentes para acabar co problema.
Ademais, Tino Fernández pide que se dea traslado da solicitude do PSOE a todos os alcaldes da área sanitaria norte co obxecto de que mostren o seu apoio e remitan escritos á Xunta esixindo solucións inmediatas. O socialista considera que "esta é unha cuestión que traspasa os lindes do noso concello" e o alcalde debería liderar a reivindicación dunha solución.
Tino Fernández tamén insiste en que esta situación vense repetindo cada verán sen que dende a xerencia da área sanitaria "se teña tomado a máis mínima medida" para aliviar a calor que teñen que soportar os internados e que os traballadores xa o denunciaron en anteriores ocasións.
O Hospital Provincial acolle as especialidades de obstetricia, neonatos, pediatría, urxencias pediátricas, radioloxía básica, coidados pliativos, oncoloxía, tratamentos oncolóxicos, xinecoloxía, medicina interna, nefroloxía, diálise, odontoloxía, oftalmoloxía e psiquiatría, ademais da unidade penitenciaria. Isto supón, segundo o PSOE que esta situación de calor extremo está a afectar desde nenos recén nacidos ata persoas en situación terminal.
As condicións "son inaceptables" e hai algunhas habitacións nas dá o sol todo o día, polo que, segundo Tino Fernánez, "é fácil imaxinar que dende logo a calidade asistencial non é a máis axeitada e non por culpa dos profesionais que se desviven por atopar solucións para os enfermos".
RESPOSTA DA XERENCIA DO HOSPITAL
A xerencia do Hospital Provincial, en resposta aos socialistas, rexeita que non se teñan efectuado melloras sobre os problemas orixinados pola calor e lembra que foron adquiridos novos sistemas de refrixeración autónomos e se estableceu un protocolo interno de continuidade coa Dirección de Enfermería para dotar de refrixeración eléctrica as zonas sensibles do Hospital Provincial.
Sinalan tamén desde o Sergas que en xuño de 2017 xa se instalaron equipos autónomos de frío neste centro hospitalario durante outro período de altas temperaturas.
Esta fin de semana, indican desde a xerencia, a intensidade da calor obrigou a que os pacientes con patoloxía que puido atenderse e ingresar posteriormente en Montecelo, onde existe un sistema de climatización "máis moderno", non ingresaron no Provincial agardando a que a situación térmica se moderara.