Superada a vaga de calor, a semana empeza con descenso brusco de temperaturas
Por Redacción
A vaga de calor que se viviu durante as últimas xornadas despediuse xa das Rías Baixas -continúa noutros puntos do territorio- e, co inicio da nova semana, produciuse un descenso brusco das temperaturas. Se nas xornadas do venres e o sábado estacións meteorolóxicas como a que ten Meteogalicia en Campolongo rexistraron máximas de ata 38 graos, para este luns agárdanse máximas máis de dez graos inferiores.
Durante a fin de semana a sensación térmica chegou a ser en moitos puntos das Rías Baixas superior aos 40 graos, de modo que este luns a percepción do cambio de tempo será aínda moito maior. A mañá amenceu con nubes baixas e brétemas costeiras e a primeira hora da mañá mesmo se produciron choivas febles nalgúns puntos.
Segundo as previsións de Meteogalicia, ao longo do día os ceos quedarán pouco anubrados ou despexados e as temperaturas chegarán a máximas de 27 graos, baixando as mínimas ata os 19. Pola noite, a chegada dunha fronte moi pouco activa deixará algunha chuvia moi feble polo noroeste.
Durante as xornadas de martes a xoves o tempo agárdase similar, mesmo cun descenso de temperaturas aínda máis notable. O martes as prediccións falan de máximas de 26 graos e mínimas de 16, pero o mércores aínda será máis brusco e as mínimas poderán chegar ata os 12, situándose as máximas en 25. O xoves os termómetros oscilarán entre os 13 de mínima e os 25 de máxima.
Na segunda metade da semana, irase recuperando novamente a influencia anticiclónica. As temperaturas ascenderán de novo, quedando en valores propios da época do ano, pero lonxe da vaga de calor dos últimos días.