Bueu intégrase na rede de oficinas de Turismo Rías Baixas
Por Redacción
O punto de información turística de Bueu vaise integrar na rede de oficinas de Turismo Rías Baixas, que depende da Deputación Provincial.
A integración é froito dun convenio de colaboración que acaba de firmar o Concello coa Deputación co obxectivo promocionar e reforzar a marca Rías Baixas como un destino turístico global e de calidade.
Segundo deu a coñecer a Deputación a través dun comunicado, esta actuación encádrase no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2020, que contempla tecer toda unha rede de oficinas de turismo que sexan consideradas o "alicerce básico para reforzar a prestación dun servizo de calidade e homoxéneo do destino".
A Deputación considera que tecer esa rede é clave para afianzar visitantes, posto que a valoración que o consumidor final fai de cada un dos destinos depende, en boa medida, da información que tivera deles antes.
O Plan Estratéxico de Turismo busca converter a provincia de Pontevedra nun referente turístico e conta con 40 accións diferenciadas que teñen como obxectivo converter o turismo en motor do desenvolvemento social, económico e cultural da provincia.
O plan, contemplado a tres anos, pretende converter os recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible e innovador.