Deteñen un veciño de Poio implicado no roubo de móbiles durante a Festa do Albariño
Por Natalia Puga
A Garda Civil detivo un home pola súa presunta implicación no furto de teléfonos móbiles durante a celebración da Festa do Albariño de Cambados. O home foi arrestado en posesión de media ducia de aparellos furtados durante a madrugada, pero a investigación segue aberta para lograr localizar aos seus posibles colaboradores.
Segundo informaron fontes da Garda Civil, as investigacións realizadas permitiron determinar que había un grupo de persoas que se estarían dedicando ao furto de teléfonos móbiles aproveitando as aglomeracións que se xeran durante esta festa de Cambados.
O furto producíase utilizando unha especie de traballo en cadea no que unha persoa collía o teléfono, pasáballo a outra que o sacaba da zona de aglomeración e chegaba finalmente ao terceiro elo, que se encargaba de gardar o móbil roubado nun coche.
O detido é un home de orixe marroquí que presuntamente se encargaba desta última tarefa de levar os teléfonos ao coche. De feito, os axentes realizaron un rexistro no vehículo e lograron recuperar seis deses móbiles roubados.
A investigación aínda segue en marcha para tentar localizar ao resto de implicados e tamén para aclarar o roubo de varios móbiles máis durante a festa. En total, hai constancia dunha vintena de teléfonos subtraídos.