Un 60% menos denuncias por botellón en Sanxenxo en xullo
Por Redacción
As denuncias por botellón impostas pola Policía Local de Sanxenxo reducíronse a menos da metade no que vai de verán. Durante o mes de xullo, os axentes impuxeron 104 fronte ás 257 do mesmo período de 2017, isto é un, un 60% menos.
Segundo os datos facilitados polo Concello de Sanxenxo, as estatísticas da Policía Local revelan que se produciu unha diminución das intervencións realizadas, 1.181 en 2017 fronte a 916 deste ano. Non hai moita diferenza na evolución das inspeccións a locais, 600 o ano pasado e 590 este ano, e o número de denuncias tamén foi moi parecido, con 13 e 11, respectivamente.
No apartado de seguridade cidadá, as denuncias por consumo de drogas, pelexas, vandalismo e falta de respecto ou desobediencia á autoridade reducíronse das 63 do 2017 ás 44 deste ano.
As denuncias en relación á lei de prevención do consumo de alcol de menores creceron, pasando de 6 a 12, fundamentalmente polas denuncias por publicidade que incita ao consumo de alcol a menores.
No apartado de trafico os datos mostran que se pasou de 154 actuacións en 2017 a 247 este ano. Este cambio débese ao incremento dos controis de alcoholemia e consumo de drogas de condutores. O ano pasado fixéronse só 2 controis de consumo alcol e drogas mentres este ano houbo 41. En consecuencia, o número de denuncias pasou das 3 de 2017 ás 47 deste ano.
O Concello fixo públicas estas estatísticas esta fin de semana e lembrou que o persoal da Policía Local pasou este verán dos seus 25 axentes fixos a 68, pois reforzouse con 43 auxiliares.
Como balance, desde o goberno local insisten na súa aposta pola seguridade cidadá como unha prioridade, pois "a reputación de Sanxenxo como destino turístico non pode poñerse en perigo polos problemas de seguridade que viñan producindo, especialmente na contorna de porto deportivo".
Respecto diso, indican que o ano pasado xa houbo un cambio substancial ao aumentar os recursos, especialmente nas madrugadas entre as catro e as oito da mañá, cando se producían a maioría dos problemas.
Desde o goberno local atribúen esta mellora da seguridade ao traballo da Policía Local, a colaboración da Garda Civil e a implicación do equipo de goberno. Segundo indican, o propio alcalde supervisan o dispositivo de seguridade durante as madrugadas.
Aínda que recoñecen que segue habendo incidencias e problemas, destacan que "agora os infractores saben que teñen un custo en termos de denuncias e multas".
Relacionadas:
-
Sanxenxo aumenta ata 44 o número de auxiliares de Policía Local contratados
Por Redacción |
-
Máis de 2.000 persoas usaron o alcoholímetro do porto deportivo de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Concello e os empresarios turísticos traballarán nunha ordenanza que controle e regule os excesos da movida
Por Redacción |