Policías e gardas civís percorren as rúas de Sanxenxo para reclamar "a igual trabajo, igual sueldo"
Por Redacción & Diego Torrado
Axentes da Policía Nacional e a Garda Civil integrados na plataforma Jusapol (Xustiza Salarial Policial) volveron saír á rúa este sábado. Tras meses sen mobilizacións públicas, persoas chegadas de toda a provincia déronse cita nun dos puntos das Rías Baixas nos que podían ter máis público, Sanxenxo, localidade turística que, como cada sábado de verán, estaba chea de veraneantes.
A cita foi ás 20.00 horas en Portonovo, unha hora á que a vaga de calor empezaba a dar unha tregua, pero na que as temperaturas máximas seguían sendo elevadas. Tras concentrarse á beira do paseo, encamiñaron pola estrada PO-308 ata a rotonda situada á entrada do centro de Sanxenxo.
Varias decenas de persoas responderon á convocatoria de Jusapol, entre policías e gardas civís e os seus familiares e amigos. Todos compartiron unha mesma e única reivindicación, a mesma pola que esta plataforma leva meses loitando, a equiparación salarial dos axentes da Policía Nacional e a Garda Civil cos efectivos doutros corpos policiais autonómicos como os Mossos d'Esquadra.
"A igual trabajo, igual sueldo. Equiparación de Policía y Guardia Civil con policía autonómicas", reclamaron na pancarta que encabezaba a marcha. Ademais, a práctica totalidade dos asistentes vestían camisetas reivindicativas de Jusapol e non faltaron as bandeiras de Jusapol, España, Galicia e mesmo Asturias na marcha.
Durante todo o percorrido, autorizado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, estiveron acompañados por axentes de servizo da Policía Local de Sanxenxo, que regularon o tráfico ao paso da marcha.
Relacionadas:
-
Chega a Pontevedra Jucil, a nova asociación da Garda Civil en defensa da equiparación salarial real
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Integrantes de Jusapol concéntranse ante a sede do PSOE ao sentirse "traizoados" por Pedro Sánchez
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O coronel da Comandancia de Pontevedra si ten quen lle escriba
Por Anxo Lourido |
-
Policías e gardas civís demandarán equiparación salarial nas rúas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Jupol, sindicato herdeiro de Jusapol, toma posicións na Comisaría de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Policías e gardas civís recollen firmas pola igualdade salarial con outros corpos
Por |