A asociación Armadiña recolle 800 sinaturas nunha semana para pedir a desafectación da praza da Chousa
Por Redacción
A asociación cultural, deportiva e medioambiental Armadiña puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para pedirlle ao organismo autonómico Portos de Galicia a desafectación da praza da Chousa, en Combarro, e en tan só unha semana -comezou o sábado 28 de xullo- xa sumaron máis de 800 apoios.
A campaña vai acompañada polo manifesto 'A Chousa é nosa" e supera o ritmo de apoios agardado polos promotores, de modo que consideran que "demostra que a nosa xente apoia unha praza de todas e todos". Cabe recordar que desde o Concello xa se fixo tamén a mesma petición a Portos.
A Armadiña agradece os apoios recibidos da veciñanza e doutros colectivos e considera que "é un momento de dar un chanzo máis" e que a reivindicación comezada dende a asociación debe continuar a través dunha plataforma que englobe a todos os colectivos que comparten o mesmo obxectivo.
O obxectivo base é que Portos de Galicia desafecte a contorna da Chousa e a súa titularidade traspase a ser do Concello, para que a praza poida regularse acorde aos intereses xerais da veciñanza e non segundo os seus usos portuarios.
Esta petición xurde como consecuencia da aprobación da normativa do 26 de setembro de 2017 de Portos de Galicia que regula a celebración de espectáculos públicos ou actividades recreativas nos portos, pois esta asociación considera que a evolución da Chousa nos últimos anos afastouna de calquera uso portuario. Coa nova normativa, os colectivos deben pagar unha taxa a Portos de Galicia polo uso da praza.
"Chousa non é un porto, Chousa é unha praza. Na praza non hai chalanas, hai crianzas xogando. Non hai nasas, hai veciños paseando. Non hai aparellos, hai xente conversando. A Chousa mudou, hoxe é a nosa praza", recolle o manifesto, que engade que calquera tipo de normativa portuaria non pode ser aplicable neste espazo.
O manifesto pódese asinar nos seguintes establecementos de Poio: Bar Chousa, Arroyo, Olé, TintaNegra, Hogar del puerto, A taberna de Juan, Asador Porta do Mar, O Lar dos Avós, Pedramar, A Rosa dos ventos, Mirabous, Autoservicio Olga, O Peirao, O Bocoi, Regalos La Caseta, Regalos Alberto, Farmacia, Oficina de Turismo de Combarro, Tenlo, Librería Combarro, O Rincón do Café, e Miami. Tamén hai aberta unha petición na plataforma Change.org.
Relacionadas:
-
Poio avanza na solicitude da desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez |
-
O PP reprocha ao Concello de Poio que "leve tres meses" sen iniciar os trámites para desafectar A Chousa
Por Redacción |
-
Máis de mil sinaturas queren unha Chousa da veciñanza
Por Redacción |
-
Poio consegue o OK de Portos de Galicia para os seus eventos deportivos, o primeiro o 3x3 Armadiña
Por Diego Espiño |
-
Farto da actitude de Portos, Poio pide a desafectación da Praza da Chousa
Por Oskar Viéitez |