Investigan a denuncia dunha pontevedresa á que un amigo por Internet estafou 11.000 euros
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra investiga unha denuncia presentada por unha veciña de Pontevedra que asegura que foi vítima dunha estafa a través de Internet na que un home co que leva longo tempo de amizade a distancia chegoulle a pedir ata 11.000 euros.
Segundo informou a Policía Nacional, a muller coñeceu ao seu presunto estafador a través de Internet e el, tras gañarse a súa confianza, foi pedindo diversas cantidades de diñeiro con diferentes escusas. Ela chegou a solicitar diversos créditos persoais e a efectuar máis de 50 ingresos a nome do seu suposto 'amigo'.
A muller non desconfiou de que estaba a ser vítima de estafa ata hai unhas semanas, pero nun momento dado deuse conta que se trataba dunha estafa. Fíxoo tras constatar que el aprazou reiteradamente as viaxes para vir a España a visitala.
A Policía Nacional aproveita o caso desta pontevedresa para alerta da proliferación e estafas a través de Internet utilizando o timo da falsa amizade, no que as vítimas coñecen a unha persoa a través de Internet e aos poucos xorde unha relación na distancia .
Na maioría dos casos van pedindo diñeiro aos poucos con diferentes escusas, ata chegar aos 11.000 euros que lle enviou a vítima deste último caso. Noutros casos, tras manter algún tipo de relación que leva envío de imaxes a través de redes sociais, os usuarios son vítimas dalgún tipo de chantaxe a cambio de diñeiro.
A Policía lembra que facerse fotos de carácter erótico e/ou compartilas é sempre un erro. No caso dos menores, pode ocasionar situacións de chantaxe ou ciberacoso sexual ou acoso na contorna escolar (grooming ou bullying).
Ademais, lembran que redistribuír este tipo de imaxes doutras persoas co fin de prexudicalas é delito e aconsellan aos cidadáns que se reciben por calquera medio un material deste tipo, non o compartan, senón que o denuncian de forma privada a denuncias.pornografia.infantil@policia.es.