Bueu volve amosar a súa cara máis solidaria co mercado de verán de Cáritas
Por Redacción
Cáritas Bueu organizará de novo este ano un mercadiño solidario de verán do dobre obxectivo de obter máis fondos para a atención prestada a un total de 50 familias durante todo o ano e dar a oportunidade de que as persoas bueuesas e visitantes se sintan colaboradoras desta acción social.
O mercado, que chega á súa sétima edición este ano, desenvolverase a vindeira semana, entre os días 9 e 11 de agosto, na Sala Amalia Domínguez Búa e terá por lema 'Se queres cambiar o sentido dunha sociedade de valores, acepta a todos por igual sen pedir nada a cambio'.
O horario será de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.30 horas e as persoas que se acheguen poderán facerse con produtos de electrónica, roupa ou xoguetes que foron doados por persoas particulares e institucións públicas e privadas.
O director de Cáritas Bueu, Manuel Golmayo, presentou este venres a iniciativa acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o párroco, José López. Este último apuntou que ademais de recadar fondos, "supón unha chamada de atención á solidariedade, nun momento no que o compromiso de todos é máis necesario ca nunca".
As persoas que desexen colaborar mediante a entrega de obxectos ou produtos para este mercadiño aínda están a tempo, podendo realizar a entrega na parroquia de San Martiño de Bueu ou no local de Cáritas.