Falece un dos dous feridos moi graves no incendio do catamarán do Grove
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha das dúas persoas que resultaron feridas moi graves no incendio dun catamarán rexistrado o pasado 24 de xullo entre a illa da Toxa e o porto do Grove non logrou recuperarse das queimaduras sufridas e faleceu no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
O falecido é un home de 70 anos veciño de Guadalaxara que sufriu graves queimaduras a bordo do catamarán e fora trasladado en helicóptero ata A Coruña. Xunto a el foi trasladada a súa esposa, de 60 anos, que continúa ingresada no mesmo centro hospitalario con prognóstico moi grave, segundo indicaron fontes da investigación.
O catamarán incendiouse con 52 persoas a bordo e 38 delas resultaron feridas de diferente consideración, sendo esta parella a que sufriu feridas de carácter máis grave. De todos os xeitos, dez días despois do grave accidente marítimo aínda seguen ingresadas catro persoas en diversos centros hospitalarios, a muller da Coruña e tres no Hospital Povisa de Vigo, segundo confirmaron fontes sanitarias.
Estas mesmas fontes indicaron que en Povisa había ata este venres tres persoas ingresadas, pero está previsto que unha delas sexa trasladada ao hospital Virxe do Rocío de Sevilla, cidade da que é veciña.
A Garda Civil abriu unha investigación para aclarar o ocorrido o pasado 24 de xullo, que implica a efectivos da Policía Xudicial de Cambados e Pontevedra e tamén a efectivos do Equipo de Investigación de Incendios da Garda Civil con base na Coruña.
O Concello do Grove trasladou este venres o seu máis sentido pésame á familia do falecido e amosou a súa dor pola perda. Ademais, agardan a pronta recuperación da súa parella e volven agradecer a colaboración dos veciños e das forzas de seguridade que evitaron que a traxedia fora maior.
Relacionadas:
-
A traxedia cebouse co mundo do mar
Por Natalia Puga |
-
Accidente marítimo no Grove: a investigación complícase polo estado do barco, totalmente calcinado
Por Natalia Puga |
-
Accidente marítimo no Grove: Turistas de toda España, Portugal ou Alemaña entre os afectados
Por Natalia Puga & Redacción | Creada e actualizada
-
VÍDEO.- O 'Boramar', totalmente calcinado e embarrancado na Toxa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Alejandro Espiño |
-
Accidente marítimo no Grove: "O barco en 20 minutos quedou en nada. Puido ser unha traxedia"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Ramiro Espiño | Creada e actualizada