Investigan un presunto estafador que se facía pasar por bombeiro para vender rifas en Combarro
Por Redacción
A Policía Local de Poio investiga un presunto estafador que foi localizado polos axentes grazas á colaboración veciñal.
En concreto, este home actuaba no centro histórico de Combarro vestido con distintivos de bombeiro, dos que se servía para vender rifas nas cales se podía ler "Bombeiros, todos somos necesarios".
Portaba un equipo de transmisión e insignias oficiais que podían levar a engano, polo que turistas e tamén algún veciño entregáballe diñeiro a cambio dunha suposta rifa. En teoría, a axuda sería destinada á compra de equipos de procura e salvamento e a persoa co boleto gañador sería obsequiada con "unha estancia para dúas persoas en Galicia" no caso de que os números do boleto coincidisen coas catro últimas cifras do primeiro premio da Lotería Nacional do día que figuraba.
Os veciños sospeitaron da súa conduta ao comprobar como cada vez que pasaba unha patrulla pola zona escondía e sacaba o chaleco que o identificaba como bombeiro, polo que deron aviso á Policía Local.
Os axentes acudiron ao requirimento e procederon a identificar á persoa, que non puido acreditar a súa condición de bombeiro nin a súa pertenza a ningunha organización oficial que se dedicase a tal recadación. Por iso, a Policía Local requisou a uniformidade enganosa, as rifas e o diñeiro recadado.
Os efectos intervidos e as dilixencias foron trasladadas ao xulgado de garda, que decidirá agora se esta maneira de actuar constitúe un delito de estafa.