O saneamento de Almofrei estará rematado para as festas de San Lourenzo
Por Redacción
O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade confía en que as obras da fase final da rede de saneamento do lugar de Arrotea, na parroquia de Almofrei, estean rematadas antes da vindeira fin de semana, que é cando a parroquia celebrará as festas patronais de San Lourenzo.
Esta rede dará servizo ás derradeiras vivendas desta aldea situadas na marxe esquerda da pista de baixada cara a ponte medieval e completará os sumidoiros nesta zona.
As obras, que xa marchan bastante avanzadas coas escavacións de zanxas e o entubado, estanse acometendo a moi bo ritmo.
Ademais, o presidente municipal, Jorge Cubela, anunciou tamén que, dentro do plan de investimentos municipal, recóllense novas actuacións para esta parroquia, que consistirán no ensanchamento de diversos puntos da pista entre Xesteira e Arrotea-Almofrei, cunha contía de 77.000 euros, e na reforma integral da Casa do Pobo.
No recinto social, cuxo inicio de obras está próximo, vanse investir 31.000 euros para cambiar a cuberta co obxectivo de mellorar as condicións térmicas, a limpeza da fachada, o pintado das instalacións e a resolución dunhas recurrentes humidades.
Así mesmo, o rexedor lembrou que nesta parroquia realizouse nos últimos meses o acondicionamento e asentamento da estrutura da famosa ponte medieval, a limpeza completa de beiravías nos lugares de Xesteira e Rascadería, a dotación de muros de contención para mellora da seguridade en Xesteira e Almofrei e a instalación de marquesiñas.