As obras de mellora da cuberta de Príncipe Felipe avanzan a mellor ritmo do previsto
Por Redacción
A deputada provincial Eva Vilaverde, responsable das xestións relacionadas coa Cidade Infantil Príncipe Felipe, deu a coñecer este xoves que as obras de mellora da cuberta do edificio de Maternais e da escola infantil poderían estar rematadas antes do prazo establecido, de maneira que a escola infantil podería comezar o curso en setembro coa cuberta arranxada.
Vilaverde tivo coñecemento destes avances este xoves durante unha visita ás obras da cuberta, que está a executar a empresa Civil Global S.L., para comprobar o seu desenvolvemento e as posibles interaccións entre esta actuación e a que se está a realizar na rotonda de entrada.
A deputada comprobou sobre o terreo "o estado calamitoso" no que se atopan estas cubertas e como afectan ao edificio e á súa habitabilidade, de maneira que se fai evidente que esta intervención é básica para ofrecerlle ás persoas usuarias deste centro unhas condicións de uso e traballo dignas.
Despois da visita indicou a súa satisfacción porque "todo vai segundo o guión previsto" e lembrou que o actual goberno da Deputación se marcou o obxectivo de modernizar Príncipe Felipe e con esta actuación "imos cumprindo o cronograma que nos propuxemos".
As obras de mellora na cuberta de Maternais e da escola infantil foran retrasadas ata o remate do curso escolar, que no caso da escola infantil foi o 31 de xullo, e foron deseñadas para adecuar a infraestrutura ás necesidades climatolóxicas do país, xa que a existente era totalmente disfuncional polo seu deseño, e darlle unha adecuada solución á evacuación de augas pluviais.
A intervención inclúe o emprego de novos materiais impermeabilizantes de gran calidade, unha nova rede de saneamento separativo que permitirá que a rede unitaria existente só recolla augas fecais, e a construción de dous novos lucernarios triangulares.
A mellora destas dúas cubertas afectan a unha superficie total de 2.484 metros cadrados e a obra corre a cargo da empresa Civil Global, á que lle foi adxudicada por un importe de 295.352 euros e cun prazo inicial de execución de seis meses.