Sanxenxo licita a remodelación integral do parque da Panadeira
Por Redacción
Un total de 457.836 euros. É o diñeiro que Sanxenxo prevé investir na remodelación integral do parque da Panadeira, unha actuación que se estenderá a toda a súa contorna.
O seu financiamento será posible grazas a unha subvención de 366.000 euros que concedeu a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente. O resto será financiado con fondos propios do Concello.
O proxecto, que ten un prazo de execución de seis meses, inclúe a ampliación do parque de maneira que o espazo que agora ocupan as prazas de aparcadoiro incorpórase como espazo peonil, quedando o viario de acceso para a depuradora e para as máquinas que limpan as praias que hai a cada lado do parque.
A mellora inclúe a creación dunha zona polideportiva de 240 metros cadrados, dotada co equipamento propio dunha pista de baloncesto, balonmán e futbol sala. O proxecto tamén prevé a ampliación da zona de xogos infantís coa incorporación de elementos novos, moito máis atractivos e variados que os que hai agora.
Tamén se instalará unha pérgola para protexer do sol e doutras inclemencias do tempo, dotarase ao parque de novo mobiliario máis actual e moderno e levarase a cabo unha completa remodelación das zonas axardinadas. Ademais, substituirase o pavimento con dous acabados, lousa de formigón e zonas con formigón impreso.
O goberno espera así humanizar e mellorar a accesibilidade dunha zona moi concorrida polos veciños, dando continuidade ao paseo marítimo que chega á praia de Panadeira.