Piden a Silva "desculpas á cidadanía" polo uso do texto didáctico onde Pedro Sánchez aparecía como James Bond
Por Redacción
Continúa a polémica sobre o exercicio utilizado no curso de actualización gramatical e ortográfico no que se ofrecían críticas ao Partido Popular e encomiábase a actitude do PSOE coa figura do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, equiparada á do axente 007, James Bond.
O portavoz do grupo provincial do PP, Anxo Moldes, pediu á presidenta da Deputación desculpas á cidadanía e que deixe de esconderse tras a profesora do curso, que explicou publicamente as razóns polo uso dese texto durante o curso de formación.
Os populares acusan a Carmela Silva, presidenta provincial, de ser a responsable de todo o que acontece na Deputación e tamén deste tipo de exercicios. Considera que se trata dun "insulto cara os veciños de Pontevedra porque esta institución, que non o esquezan, representa a todos os cidadáns da provincia".
Moldes afirma tamén que Carmela Silva non quere contestar nin dar información porque, sospeita, pode haber máis exercicios que van na mesma liña e por iso non se ofrece a documentación que os populares demandaron.
Apuntan a que o exercicio foi "moi desafortunado" e esperan que se adopte algunha medida respecto diso ao entender que se está utilizando á Deputación como unha plataforma política para atacar de forma constante ao Partido Popular.