Investigan os responsables de dúas asociacións cannábicas de Pontevedra por delitos contra a saúde pública
Por Natalia Puga
A Policía Nacional de Pontevedra deu por finalizada unha investigación aberta meses atrás sobre dúas asociacións das coñecidas comunmente como 'cannábicas' da cidade. Tras meses de indagacións e dous rexistros nos locais utilizados polos colectivos, foron chamados a declarar en calidade de investigadas dúas persoas.
Os investigados son os responsables de cada unha das asociacións. Ningún foi detido, pero si foron citados para declarar na Comisaría Provincial acompañados polos seus avogados. Atribúeselles delitos contra a saúde pública.
Segundo informou a Policía Nacional, o Grupo de Tráfico Medio de Estupefacientes da Comisaría abriu a investigación meses atrás tras recibir informacións sobre a actividade das devanditas asociacións e comprobar a posible existencia dun ilícito penal contra a saúde pública. Os axentes acreditaron a existencia de distribución de marihuana entre quen acudía aos locais e puxeron os feitos en coñecemento da Fiscalía, que tutelou a investigación policial.
Os investigadores comprobaron que aos locais desas asociacións acudían persoas para adquirir e consumir derivados do cannabis, principalmente marihuana e, con autorización xudicial, realizaron rexistros en ambas as sedes.
Eses rexistros realizáronse de forma simultánea o pasado venres 27 de xullo e, segundo confirma a Policía Nacional, permitiron confirmar o que xa os axentes constataran ao longo da investigación e, tras realizalos, citaron aos responsables.
Os axentes interviñeron en total case un quilo e medio de marihuana de diferentes tipos (en cogollos dispostos para a súa distribución directa), cincuenta gramos de haxix, básculas de precisión, outros produtos elaborados con derivados do cannabis, numerosa documentación e material informático.