O espazo gastronómico do mercado estará habilitado a finais de outubro
Por Alejandro Espiño
Finais de outubro. É a data prevista para que o espazo gastronómico que se instalará na primeira planta do mercado de abastos de Pontevedra estea acondicionado.
Unha vez desbloqueados os fondos europeos cos que se financiará esta actuación, o goberno municipal confirmou a adxudicación á empresa pontevedresa ACEVI das obras de reforma do mercado, valoradas en 218.682 euros.
Os traballos, que comezarán en setembro, teñen un prazo de execución de dous meses.
Quince empresas presentaran ofertas a este proxecto, co que se pretende acondicionar a planta superior para novos usos diferentes aos habituais, para ofrecer novas ofertas de produtos, mantendo a morfoloxía e distribución, mellorando a imaxe e a estética co propósito de dinamizar o mercado de abastos.
Supoñerá, segundo dixo Raimundo González, "un antes e un despois" para a contorna do mercado, xa que esta iniciativa atraerá novas actividades económicas e, por tanto, públicos diferentes. Ademais, contará con medidas "punteiras" que se están implantando noutros mercados, entre elas, consignas frigoríficas para os clientes.
O futuro espazo gastronómico estará vinculado co mar. En paralelo á realización das obras, o Concello prevé realizar o concurso público para adxudicar os quince postos -todos eles relacionados coa gastronomía e a alimentación- que formarán parte da nova oferta gourmet que ocupará a primeira planta do mercado.
Os criterios para estes novos usos priorizarán as propostas que sexan orixinais, as que aposten por produtos artesanais, ecolóxicos ou a granel, as que fomenten un consumo responsable e unha alimentación saudable ou as que teñan en conta ao público infantil.
Ademais, a selección farase de forma que se diversifique a oferta, de forma que non haxa propostas similares entre postos e terase en conta que, para as degustacións gastronómicas, os produtos adquíranse na propia praza de abastos.
O Concello pretende ademais reservar un espazo para degustacións puntuais de produtos e estudar a posibilidade de habilitar postos efémeros, que poidan ser ocupados por propostas internacionais que acudan como convidadas a este espazo gastronómico.
Relacionadas:
-
O groso da reforma do mercado farase durante as fins de semana
Por Alejandro Espiño |
-
Os postos do primeiro andar do Mercado van ofertarse nun réxime que permitirá testealos durante un ano
Por Redacción |
-
Desbloqueadas as obras do Gorgullón, Multiusos, Ponte do Burgo e o Mercado de Abastos
Por Diego Espiño |
-
A empresa ACEVI reformará o mercado de abastos de Pontevedra
Por Redacción |
-
O espazo gastronómico do mercado estará vinculado co mar
Por Alejandro Espiño |