Deteñen un veciño de Pontevedra por varios furtos nunha comunidade de veciños en Poio
Por Redacción
A Garda Civil detivo este martes un veciño de Pontevedra, JI.M.F., de 42 anos de idade como suposto autor dunha serie de furtos cometidos durante as últimas semanas nun edificio situado nunha céntrica rúa do municipio de Poio.
O equipo de investigación da Garda Civil adscrito ao posto de Pontevedra iniciou unha serie de pescudas por mor da información achegada pola propietaria dun dos pisos do mesmo edificio ao denunciar que lle subtraían un lote de xoias que gardaba no interior da vivenda.
A falta de sinais de violencia no inmoble fixo pensar na autoría de alguén relacionado cos propietarios do piso.
Poucos días despois localizaron e detiveron en Pontevedra ao presunto autor do furto. Trátase dunha persoa que ten nexos familiares cos propietarios do piso e ademais estivera residindo no mesmo edificio. Por mor das investigacións realizadas púidose pescudar que esta persoa realizara durante as últimas datas varias transaccións dun importante número de obxectos en distintos establecementos de compra-venda de produtos de segunda man en Pontevedra, Vilagarcía e Vigo, entre os que figuraban a práctica totalidade das xoias subtraídas.
Ao realizar xestións sobre a procedencia do resto dos obxectos que vendera, puidéronse recuperar catro bicicletas que foran roubadas a principios de mes no garaxe comunitario do mesmo edificio.
O resto das xoias atopáronse no rexistro que se efectuou no domicilio do detido e no seu coche incautáronse as chaves que utilizara para abrir os rochos onde se gardaban as bicicletas.
O detido, que consta con varios antecedentes por delitos contra a propiedade, foi posto a disposición xudicial como suposto autor dun delito continuado de furto pola subtracción das xoias nun piso habitado e o furto de catro bicicletas no garaxe comunitario do mesmo edificio, quedando en liberdade provisional con cargos.