A provincia acolle 200 menores saharauís, nenos que choran cando arde o "verde" dos nosos montes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Se antes as billas por onde saía auga era o que chamaba a atención dos pequenos saharauís acollidos en Pontevedra, agora o verde da paisaxe galega converteuse no seu principal referente.
Maite Isla, presidenta da organización Solidariedade Galega co Pobo saharauí (SOGAPS), afirma que os menores que son acollidos en Galicia sofren e non entenden os incendios forestais que se rexistran na comunidade: "o ano pasado choraban e preguntaban por que matan as árbores. Para eles é vida, respiración, sombra...".
Estes escolares procedentes do Sáhara espertan esta sensibilidade especial polos bosques galegos cando saen dos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf no suroeste de Alxeria, nos que estes días se rexistran temperaturas de ata 60 graos
Galicia acolle este verán 325 menores, case 200 son recibidos por familias da provincia de Pontevedra, dos que 8 atópanse no municipio da capital. Este mércores, representantes da organización Solidariedade Galega co Pobo saharauí (SOGAPS) coa súa presidenta Maite Isla á cabeza visitaban o Concello de Pontevedra, acompañados por estes menores e polas súas familias acolledoras. Todos recibiron un agasallo de mans da alcaldesa en funcións, Carme da Silva e da concelleira Anxos Riveiro.
Este período denominado 'Vacacións en paz' convértese nunha oportunidade para que estes escolares, de entre 9 e 12 anos, gocen durante os meses de xullo e agosto doutra cultura, da paisaxe e mesmo da lingua galega, da que sempre recollen algunha expresión que viaxa ata o seu campamento de procedencia. A posibilidade de vir a Galicia permítelles gozar doutros espazos, realizar revisións sanitarias e sensibilizar, a través das organizacións solidarias, sobre a situación política no Sáhara Occidental derivada da ocupación por parte de Marrocos.
Maite Isla sinala que en 2007 viñan a Galicia ao redor de 12.000 menores saharauís. Na actualidade, a cifra non supera os 4.500 debido a que a crise provocou un importante descenso de solicitudes para estas acollidas.
A presidenta de SOGAPS encomia que Pontevedra sexa a provincia galega máis solidaria e o apoio institucional que reciben. Espera que en 2019 duplíquese o número de familias acolledoras e fai un chamamento para que se apunten todas as familias que queiran a través dos teléfonos 986262637 ou en info@sogaps.org. Tamén poden acudir aos servizos de Benestar Social dos concellos da provincia.
Relacionadas:
-
Rematan as 'Vacacións en paz' para os menores saharauis
Por Redacción |
-
A subdelegada axilizará trámites para atender menores do Magreb e da África Subsahariana
Por Redacción |
-
"Todos los niños saharauis queremos que nuestro país sea libre"
Por Redacción |
-
Despedida dos menores saharauís que pasaron o verán en Bueu
Por Redacción |
-
A corporación de Bueu recibe aos nenos saharauis do programa "Vacacións en paz"
Por Redacción |
-
Dúas familias de Ponte Caldelas acollen este verán nenas saharauís
Por Redacción |
-
Unha ministra saharauí agradece a Pontevedra a "boa acollida" que brinda ao seu pobo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |