O pleno aproba o convenio para a construción do novo colexio de Vilalonga
Por Oskar Viéitez
No pleno deste luns aprobouse o texto do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e o Concello de Sanxenxo para a construción do novo colexio do Revel, na parroquia de Vilalonga.
Desde o goberno local, PP+SAL, sinalan que a construción deste novo centro leva sendo durante anos a demanda unha das demandas máis urxentes do Concello de Sanxenxo e "por fin, a súa realidade está cada vez máis próxima".
A folla de ruta a seguir para a construción do centro educativo compromete a licitación e adxudicación do proxecto de execución antes de finalizar o ano. Tamén se obriga a que a adxudicación das obras se faga no segundo trimestre de 2019 e que o centro estea en funcionamento durante o curso 2020/2021.
Segundo consta no convenio, o colexio, para 450 alumnos, contará con todos os espazos e dotacións que esixe a Lei para os centros do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria e secundaria, incluíndo un ximnasio e dúas pistas deportivas descubertas.
O convenio tamén contempla que o proxecto de execución debe reservar o espazo para a futura construción dun pavillón de deportes e un acceso exterior que permita o uso compartido no horario escolar e extraescolar. A iniciativa da construción deste pavillón corresponderá ao Concello, así como a xestión dos recursos necesarios para o seu financiamento, que poderán ser fondos doutra administración ou propios.
Relacionadas:
-
Sanxenxo saca a licitación a parcela de O Revel na que se construirá un novo centro educativo
Por Redacción |
-
O novo colexio de Vilalonga, proxecto estrela de Educación na provincia para os próximos dous anos
Por Redacción |
-
Licitacións a ritmo frenético en Sanxenxo antes de final de ano
Por Redacción |
-
Xunta e Concello asinan o convenio de posta a disposición dos terreos do novo colexio de Vilalonga
Por Redacción |
-
Educación espera comezar a obra do novo colexio de Vilalonga no segundo trimestre de 2019
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno leva a pleno a urbanizacion do Revel cunha inversion de 1,8 millóns de euros
Por Redacción |