O SUP denuncia que os policías que vixían os xulgados levan desde xaneiro sen cobrar complementos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O Sindicato Unificado de Policía (SUP) levou este martes as súas protestas aos xulgados da Parda para visibilizar unha das demandas laborais que manteñen desde hai meses: a falta de pagamento dos complementos salariais dos policías das unidades de vixilancia en edificios xudiciais (UVEX), que levan desde xaneiro sen percibir unha media de entre 400 e 500 euros mensuais.
Desde o ano 2006 hai en vigor un convenio de colaboración e coordinación entre o Ministerio do Interior e a Xunta de Galicia polo que se estable e regula a participación de funcionarios do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil nas misións de vixilancia e protección dos edificios e instalacións da Administración de Xustiza en Galicia.
En Pontevedra, cinco policías encárganse da seguridade no edificio xudicial da Parda e tamén hai tres en Vilagarcía de Arousa e seis Vigo. No resto de localidades e a Audiencia Provincial a tarefa corresponden aos gardas civís.
O SUP elixiu o edificio xudicial da Parda para facer visibles as súas protestas cunha concentración dunha decena de persoas. A portavoz provincial do SUP en Ponteveda, Sandra Fernández, lembrou que xa enviaron varios escritos a distintas administracións e, dado que "ninguén nos dá resposta de como está a situación", decidiron convocar esta concentración.
Os axentes que traballan nese destino cobran complementos salariais por prestar un servizo extraordinario e por traballar os fins de semana e estar localizables. En total son sobre 400 ou 500 euros e xa pasou noutras ocasións que se rexistran atrasos nos pagos, pero ata agora nunca tiveran unha falta de pagamento tan prolongada no tempo.
"É un diñeiro que é deles e sabemos que a Xunta abonou ese diñeiro ni mes de marzo, que deu ese diñeiro ao Tesouro do Estado, pero eles de momento non percibiron esa cantidad", explica Sandra Fernández.
O sindicato solicita maior implicación do Ministerio do Interior na resolución desta problemática e non descarta exercer accións xudiciais polo incumprimento do convenio, que está a prexudicar económica e laboralmente aos axentes e, ademais, "compromete seriamente" a seguridade nos edificios xudiciais. En todo Galicia hai uns 40 policías nesta situación.
Segundo explicou Sandra Fernández, ademais de demandar o pago dos complementos debidos, tamén queren denunciar a falta de persoal para este servizo, pois no caso de Pontevedra debería haber 10 axentes e tan só hai cinco. Ademais, está previsto que en agosto se xubile un deles e en outubro outro, de modo que tan só quedarán tres, un número claramente insuficiente.
Relacionadas:
-
Denuncian a "precariedade de medios de seguridade" nos xulgados e pide á Xunta medidas urxentes
Por Redacción |
-
Periga o servizo de vixilancia da Policía Nacional nos xulgados
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O SUP traslada á Subdelegada a súa demanda de nova comisaría de Policía en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Policías e gardas civís recollen firmas pola igualdade salarial con outros corpos
Por |