A Deputación aproba unha modificación de crédito para pagar sobrecustos de obras do PP
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou cos votos do PSdeG e o BNG o terceiro expediente de modificación de créditos, por un importe de 1,5 millóns de euros. O PP abstívose.
Segundo explicou o deputado Carlos López Font o 70% do expediente de modificación de créditos está destinado ao pago dos intereses de demora da construción do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e do Edificio Sarmiento, unha obra iniciada no 2004 e rematada no 2015. A empresa solicitou a revisión de prezos e o pago dos intereses de demora.
"Y esto no termina aquí, dixo Font, todavía queda por pagar en relación a esta actuación", advertiu o deputado socialista.
"O gordo é para pagar unha chapuza", apuntou o vicepresidente da administración provincial César Mosquera que tamén sumou a estas contías o desfase das obras do Estadio de Pasarón e as Pousadas do Salnés asegurando que "entre pitos e frautas estamos a falar duns 40 millóns de sobrecustos", o que triplica a contía inicial pola que foron adxudicadas estas obras.
"Y lo que te rondaré morena", insistiu o mandatario nacionalista. "Menos mal que se acabou isto de facer obras a conta dos meus herdeiros", dixo en relación ao goberno actual do bipartito PSdeG-BNG.
A portavoz do Partido Popular, Elena Muñoz, xustificou que todas elas son "obras extraordinariamente complejas" e dirixíndose ao goberno provincial ha engadido "si ustedes hicieran obras sabrían de esta complejidad" e reprochoulles que "ustedes presumen del Museo cuando les interesa".
Elena Muñoz tamén criticou a "ineficacia" coa que, ao seu xuízo, xestiónase a Deputación "eso les pasa por no escuchar a la oposición, a los alcaldes y a los colectivos".
A modificación de crédito tamén contempla partidas destinadas a vías verdes e seguridade viaria, entre outros conceptos. Ademais, esta vez por unanimidade, aprobouse un suplemento de créditos da escola universitaria de Enfermería.
DESPEDIDA DE DAVID REGADES
Neste pleno ordinario de xullo se oficializó a renuncia do deputado David Regades debido ás súas novas responsabilidades como delegado da Zona Franca de Vigo.
David Regades deu as grazas ao seu partido "pola oportunidade que me deu" e que lle permitiu, entre outras cousas "coñecer mellor a provincia" e o labor que desenvolven os alcaldes. Nos seus agradecementos citou aos seus compañeiros socialistas e ao vicepresidente César Mosquera e ao grupo do BNG polo seu traballo e "a súa lealdade". Tamén tivo palabras amables para a oposición e para os traballadores da Deputación. A súa dedicatoria máis sentida foi para a presidenta Carmela Silva "isto non é un adeus é un ata logo".
"É das persoas máis próximas que teño na miña vida e simplemente voulle a dicir unha das palabras máis fermosas: grazas", díxolle Carmela Silva.
O concelleiro vigués Ángel Rivas asumirá a acta de deputado, ao ser o seguinte na lista, pero esta circunstancia non se producirá oficialmente ata o mes de setembro debido á tramitación necesaria.
Mentres tanto será Carlos López Font o que asuma a área de Cooperación, que ata agora dirixía David Regades. Debido a iso deberá delegar outras das súas áreas noutros compañeiros, polo que Santos Héctor asumirá Tesourería e o ORAL e Digna Rivas fará o propio con Arquitectura e Servizo de Asistencia Técnica a Municipios.
CASTELO DE SOUTOMAIOR
Os veciños de Soutomaior, do mesmo xeito que calquera outro visitante, poderán acceder ao xardín do castelo de modo libre e gratuíto, como antes de que se realizase a reforma e musealización do complexo por parte da Deputación.
O pleno aprobou este martes a ordenanza reguladora que, entre outras cousas, fixa os prezos de entrada ao recinto introducindo algúns cambios tarifarios con respecto ao sistema anterior e os usos tradicionais. Polas súas características, no ano 2012 este recinto obtivo o recoñecemento de xardín de excelencia internacional, sendo o primeiro xardín de España en obter esta distinción e o sétimo en Europa e "un dos poucos de entrada gratuíta".