O Colexio de Médicos de Pontevedra, moi preocupado pola situación da Atención Primaria
Por Oskar Viéitez
O Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra emitiu un comunicado no que se mostra moi preocupado pola situación da atención primaria.
Segundo explican, "ante a falta dunha adecuada planificación pola Consellería de Sanidade" e como vén ocorrendo ano tras ano, xérase unha situación de "sobrecarga asistencial insustentable " para os profesionais de atención primaria.
Relatan que non se cobren baixas nin vacacións e búscase a solución en prolongacións de xornada ante a ausencia de profesionais nas listas de contratación. Explican que a situación vén en parte condicionada por unha "política errónea" de xubilacións forzosas hai uns anos, pola "insuficiente" creación de prazas MIR para formar médicos de familia e pediatras, e por unha "crecente precariedade laboral" do colectivo profesional médico.
Esta situación xa foi denunciada por este colexio médico, en febreiro de 2017 por mor da "falta de vontade política" por parte da consellería, para permitir avanzar aos grupos de traballo das mesas que para a reordenación da atención primaria constituíronse a finais do 2015, o Colexio de Médicos de Pontevedra abandonou os foros de discusión e traballo.
En marzo de 2018, os colexios de médicos e as sociedades de atención primaria denunciaron que "os principios que definen á atención primaria (continuidade asistencial, tempo que asegure un acto médico de calidade, traballo en equipo, capacidade resolutiva, actuacións en promoción e prevención da saúde, posta en marcha dun plan de optimización da atención pediátrica en atención primaria...), estaban en claro perigo. E, sen eles, a atención primaria perde o seu valor e influencia no bo funcionamento do sistema público de saúde galego".
Na actualidade, afirma o Colexio de Médicos de Pontevedra, a falta dunha adecuada resposta da Conselleria de Sanidade ás demandas da atención primaria, xera dificultades asistenciais para os profesionais tanto médicos de familia como pediatras que prestan os seus servizos na atención primaria.
Relacionadas:
-
Denuncia penal do Colexio de Médicos á área sanitaria de Pontevedra pola sobrecarga da Atención Primaria
Por Redacción |
-
O Sergas fai cambios na cobertura pediátrica de Ponte Caldelas, A Lama e Cambados
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama e Cerdedo-Cotobade únense a Ponte Caldelas na demanda de pediatras e médicos de familia
Por Redacción |