Martín-Esperanza recibe unha emotiva homenaxe dos seus amigos
Por Redacción
O Hotel Martín-Esperanza, en Caneliñas-Portonovo, acolleu este sábado unha emotiva homenaxe ao xogador do Pontevedra CF do "Hai que Roelo", Ignacio Martín-Esperanza Tejada, coñecido simplemente como Martín-Esperanza.
O coordinador da homenaxe, Fernando Villaverde, iniciou a velada cantando o himno do Pontevedra C. F, para dirixir a continuación unhas palabras lembrando aquela época dourada do equipo granate.
Como agasallo o veterano siareiro Severino Penelas "Seve" entregoulle un libro escrito por Pedro de Lorenzo y Macías no que se relata o labor deportivo e humano de Martín.
Tamén houbo recordos e agradecementos dos Pais Mercedarios de Poio, aos que puxo voz o pai Iñaki Valderrama e do alcalde de Sanxenxo Telmo Martín que falou do seu "labor silencioso, pero efectivo neste concello" lembrando como, xa fichado polo Pontevedra C. F, no ano 1963, Martín Esperanza estableceuse neste municipio, comprou un terreo no que construíu un chalé e nos anos 90 edificou o hotel en Caneliñas.
"Nos teus tempos libres, nesta preciosa praia, sementaches en moitos mozos desta contorna, disciplina, entrega e unidade de equipo, logrando que saísen bos xogadores. Acompáñanos Albino. El pode aseverar as miñas modestas palabras", dixo o rexedor.
Durante a cea houbo unha chamada emotiva de Calleja, felicitándolle.
Trasladáronlle o seu afecto Fuertes, Norat, Bea, Suso, Albino, José Emilio, os irmáns Rivas, Canosa, Amador, Churruca e outros moitos xogadores, amigos e os seus grandes seguidores.