Os taxistas de Pontevedra súmanse á folga convocada a nivel nacional
Por Diego Espiño
O sector do taxi tamén entrou en folga en Pontevedra, a partir do mediodía deste luns 30 de xullo.
Os profesionais do sector en Pontevedra decidiron sumarse ao paro convocado a nivel nacional para protestar pola concesión de licenzas VTC (para aluguer de vehículos con condutor), apoiando á súa vez a decisión adoptada pola Federación de Autónomos do Taxi de Galicia nunha reunión de urxencia convocada á primeira hora do día.
Así o confirmou a PontevedraViva o presidente da Asociación de Autopatronos de Pontevedra, José Crespo.
"No queremos molestar a nuestro clientes pero tenemos que defender lo nuestro", sinalou Crespo ante unha ameaza, a das licenzas VTC, que non chegou á cidade do Lérez pero que pon en xaque ao sector, asegura.
A folga prolongarase inicialmente ata a medianoite deste martes 31 de agosto a expensas do que suceda en Madrid na reunión convocada en Fomento con representantes do sector.
Os servizos mínimos en Pontevedra serán do 30%, confirmou o presidente dos autopatronos, coa intención de "no colapsar nada" pero si de facerse notar. Desta forma estarán centrados en puntos sensibles como os hospitais, centros médicos ou a estación de autobús e ferrocarril. Ademais os taxistas atenderán peticións de familias con necesidades especiais a través da central de Radio Taxi (986 86 85 85).
Crespo quixo "pedir disculpas" aos usuarios polas molestias que poidan causar estes paros.