A escola de música de Sanxenxo contará cunha nova sala de ensaios
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo habilitará un espazo do Pazo Emilia Pardo Bazán como sala de ensaio para a escola de música municipal.
Trátase dunha demanda do equipo directivo que foi trasladada a final de ano á concellería de Educación, que solicitou unha subvención á administración autonómica.
A resolución da devandita subvención foi publicada o 29 de xuño, polo que tras os trámites necesarios o goberno local está en disposición de iniciar as obras "nos próximos días", segundo confirmaron desde o Concello.
O orzamento total da obra ascende a 13.223,61euros, dos cales 9.503,50 euros serán asumidos con fondos propios municipais e o resto pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
"Con esta reforma melloramos a calidade das instalacións da Escola de Música, cuestión que repercute directamente no alumnado e tamén noutras agrupacións que poderán facer uso da sala", explicou a concelleira de Educación, Paz Lago.
A escola de música de Sanxenxo dispón de 11 profesores, un máis que o curso anterior, e conta con 140 alumnos matriculados nos distintos graos entre nenos e adultos.