Veciños e emigrantes compartirán un xantar de convivencia en Ponte Caldelas
Por Redacción
Ponte Caldelas estreitará aínda máis os seus fortes vínculos cos países aos que tradicionalmente emigraron os galegos. Unhas cincocentas persoas, entre veciños e emigrantes, participarán o próximo sábado 12 de agosto na segunda edición do XantaCaldelas, unha xornada de convivencia que terá lugar na Alameda.
O XantaCaldelas parte coa expectativa clara de superar a cifra dos comensais que se xuntaron o ano pasado nesta comida popular. Moitas persoas que teñen programadas as súas vacacións para agosto estanse a anotar, mesmo dende o estranxeiro, aproveitando o recurso da sede electrónica municipal.
A idea deste evento xurdiu da proposta formulada ao goberno local por parte de emigrantes que retornan para o seu descanso en Ponte Caldelas e atopábanse con dificultades para localizar aos veciños ou amigos da terra.
O xantar volverá estar a cargo dunha empresa de catering, que preparará un menú consistente en entrantes (empanada e embutidos ibéricos), polbo á galega, richada con cachelos e tarta, con bebidas e café incluídos. Todo ao prezo de 10 euros por persoa.
Ao igual que o ano pasado estase a repetir o patrón de que se producen moitas inscricións por grupos, algúns deles familiares e outros por lugares de procedencia.
Ponte Caldelas é un municipio con vínculos especialmente con Brasil ou México, pero tamén con nacións europeas, entre as que destaca Suíza.